André el Gigante, de Box Brown: o conmovedor retrato dun coloso convertido en icona popular

Komic Librería: André el Gigante. Vida y leyenda


Dentro do xénero biográfico, un dos máis destacados nos últimos tempos, teñen un especial atractivo aquelas obras centradas en personaxes estraños ou ambiguos que están dentro do imaxinario popular. Este é o caso de André o Xigante, un auténtico fenómeno da natureza que abraiou ao mundo nos anos setenta e oitenta e que moitos e moitas de vós lembraredes.

omic Librería: André el Gigante. Vida y leyenda

A loita libre americana coñeceu o seu primeiro gran momento de éxito en España a comezos dos anos noventa, convertíndose nun dos primeiros emblemas dunha das canles privadas de televisión recén aparecidas. Malia levar xa dúas décadas gozando do favor do público en países como os Estados Unidos ou Xapón, e formar parte indiscutible da cultura popular en lugares como México, foi nese intre no que personaxes coma Hulk Hogan ou o Último Guerreiro se fixeron realmente coñecidos entre nós.

omic Librería: André el Gigante. Vida y leyenda

Recoñezo que sempre me pareceron máis divertidos e entretidos os combates mexicanos, coa súa esaxerada teatralidade e as súas espectaculares máscaras, ca os estadounidenses. Pero nestes aparecía un loitador que me encantaba e que xa entrara na memoria colectiva dos nenos e nenas que medramos nos anos oitenta por mor do seu papel na película A princesa prometida. Resultaba abraiante polo seu desmesurado tamaño, que facía del un auténtico xigante, e a min, ademais, sempre me tivo cara de boa persoa, coma se fora o protagonista bonachón dun conto.

omic Librería: André el Gigante. Vida y leyenda

Tratábase, por suposto, de André o Xigante. Un mastodóntico home de máis de dous metros e vinte centímetros de estatura e un peso que sobrepasaba os douscentos cincuenta quilos e que, para as nosas olladas infantís, convertía en reais a seres míticos como Sansón, Goliat, o incrible Hulk ou o Coloso de Rodas.

omic Librería: André el Gigante. Vida y leyenda

Agora, vinte tantos anos despois do seu pasamento, chega ás nosas mans André el Gigante. Vida y leyenda (Astiberri), unha interesante biografía gráfica feita por Box Brown, que recolle numerosas anécdotas e momentos salientables da vida deste titán nado en Francia nos anos corenta. Dende a súa infancia ata o seu dominio da industria do wrestling durante máis dunha década, pasando polos seus problemas persoais ou médicos. Aínda que permitíndose certas licenzas creativas, a afección do autor pola loita libre fai que o libro enteiro estea notablemente documentado, e que resulten especialmente emotivas as reproducións de combates televisados ou de entrevistas ao xigante, onde podemos aprezar tamén as melancólicas impresións do propio Brown ao debuxar estas escenas.

omic Librería: André el Gigante. Vida y leyenda

Esta colección de momentos, ordenada de xeito cronolóxico, non é simplemente a vida dun home peculiar, senón que ao mesmo tempo nos introduce na parte menos visible dun espectáculo de masas que mestura deporte, teatro e negocio. E tamén reflexiona sobre as dificultades que moitas veces teñen aquelas persoas que rompen cos estándares medios para levar unha vida normal. No caso de André a súa acromegalia, a enfermidade que provocaba nel un descomunal crecemento e o convertía nun ser humano especial, era tamén a responsable de que tivera problemas para desenvolverse no día a día e de que os últimos anos da súa vida estiveran cheos de dores e complicacións médicas.

omic Librería: André el Gigante. Vida y leyenda

Cun estilo sinxelo e limpo Box Brown acada un retrato conmovedor que encherá de nostalxia a aqueles que lembren ao xigantón de A princesa prometida e sorprenderá aos que non coñezan ou lembren a este personaxe pero que busquen unha historia curiosa e ben contada.


Komic Librería: André el Gigante. Vida y leyenda

André el Gigante. Vida y leyenda
Box Brown

Astiberri
Tomos: 1