Efectiviwonder Comics, de Dani Xove: unha sorprendente viaxe chea de imaxinación e liserxia

Komic Librería: Efectiviwonder Comix


Atopámonos hoxe perante un dos títulos que máis nos sorprenderon nos últimos meses, a primeira obra editada polos colegas da librería ourensá Sindicato del Cómic, un sopro de aire fresco que chega dende Aríns da man de Dani Xove, un inquedo e versátil creador cun futuro máis que interesante. Miñas donas, meus señores, con tod@s vostedes... ¡Efectiviwonder Comics!

Komic Librería: Efectiviwonder Comix

Resulta fermoso, satisfactoriamente fermoso, asistir ao momento actual da banda deseñada galega. Entroutros motivos por ver a gran diversidade de estilos e temáticas que atesoura a nosa historieta, con autores e autoras que non teñen medo de experimentar, procurar camiños novos ou andar por carreiros pouco transitados. Bo exemplo disto é o rapaz que hoxe nos ocupa, un santiagués que malia a súa mocidade xa conta cunha interesante bagaxe como ilustrador e historietista. No ano 2013 viu a luz a bd O encanto da Pedra Chá (Everest), un relato baseado nun poema de Rosalía de Castro do que nos chamou a atención especialmente o seu debuxo, cunha soltura e unha variedade gráfica non habituais en alguén principiante. O responsable da parte gráfica era, coma non, Dani, que hai uns meses nos sorprendía gratamente con este Efectiviwonder Comics, a primeira obra cento por cento da súa autoría.

Komic Librería: Efectiviwonder Comix

A primeira impresión que un lector despistado pode ter deste libro é que está diante dun fanzine feito por quince autores distintos, cando realmente o que ten entre as mans é unha marabillosa viaxe circular feita por unha mente imaxinativa, transgresora e sen complexos. Alguén que, ademais, é amante e bo coñecedor da novena arte, e isto nótase no amplo abano de estilos e técnicas que Dani Xove emprega. O que comeza como unha viaxe psicoactiva deriva nun pastiche cheo de retranca e humor, unha boa morea de historias curtas polas que desfilan váteres subersivos, reflexións de taberna, entrevistas, relatos mudos, crítica social, homenaxes ao cómic underground... E todo feito cunha soltura e unha imaxinación desbordantes.

Komic Librería: Efectiviwonder Comix

Editado con grande entusiasmo pola librería especializada de Ourense, Sindicato del Cómic, este libro achéganos a un autor que nos deixa con moitas, moitísimas ganas de ver máis cousas do seu traballo (como ben di no estupendo prefacio o polifacético Manel Cráneo: «Volverás ao teu libreiro cando remates e halo saudar como se fose o teu camello pedíndolle outra dose de Dani Xove»).

En definitiva, un libro sen complexos que merece unha lectura sen prexuízos.

Komic Librería: Efectiviwonder Comix

Aproveitamos para anunciaros que o venres 13 de febreiro teremos o gustazo de contar coa presenza de Dani en Komic Librería, el, que é un dos nosos komiqueiros habituais, terá que defenderse dende a outra beira do mostrador... Se queredes quedar abraiados co seu bo facer achegádevos a partir das 18:00 horas: contamos convosco!


Komic Librería: Efectiviwonder Comix

Efectiviwonder Comix
Dani Xove

Sindicato del Cómic
Tomos: 1