Cidade de Cristal e Asterios Polyp, dúas obras mestras de David Mazzucchelli

Komic Librería: Asterios Polyp


Traémosvos hoxe dúas obras de David Mazzucchelli, un autor interesantísimo e inquedo: Cidade de cristal e Asterios Polyp. Malia non ser novidades as dúas están de actualidade, a primeira porque por primeira vez ve a luz en galego e a segunda pola súa reedición tras varios anos sen estar dispoñible. Dous títulos magníficos que vos recomendamos enormemente se aínda non os coñecedes.


Cidade de Cristal

A mediados dos anos noventa o debuxante Mazzucchelli, tras os seus inicios no cómic de superheroes (etapa da súa carreira que nos deixou auténticas obras mestras como o Daredevil Born Again ou Batman Año Uno, ámbolos dous con guión de Frank Miller), xuntaba as súas forzas ás do escritor Paul Karasik para adaptar Cidade de cristal, a novela de Paul Auster que abría a súa chamada «trilogía de Nueva York». Orixinariamente foi publicada en castelán en tres tomiños por La Cúpula, compilada posteriormente nun só volume por Anagrama e, hai uns meses, El Patito Editorial sacaba do prelo a súa versión en galego, cunha coidada tradución a cargo de Xavier Queipo.

Komic Librería: Cidade de Cristal

Atopámonos ante un deses escasos exemplos nos que a versión dunha obra xa existente cobra con xustiza valor e carácter propios. Se o relato orixinal de Auster xa resultaba fascinante de por sí, mesturando o xénero negro coa metaliteratura, e esixía aos seus lectores un certo grao de complicidade e imaxinación, a súa adaptación gráfica non se queda atrás e, tanto se liches a novela como se non, será difícil non caer engaiolado ante o gran traballo de Karasik e Mazzucchelli. E dicimos isto principalmente por un motivo: Auster constrúe un texto cheo de xogos, de referencias cruzadas e de enganos, e o tándem responsable da novela gráfica acepta e entra perfectamente neste plantexamento lúdico, convertíndose así en cómplices creadores.

Komic Librería: Cidade de Cristal

A historia narra a pequena odisea de Daniel Quinn, un escritor de novela de detectives que un bo día recibe unha chamada ofrecéndolle un caso, coma se fora un investigador privado de verdade, e sorprendemente acepta. Deste orixinal inicio vaise derivando cara unha serie de divagacións sobre a construción da linguaxe, a pureza do ser humano ou o peso dos nosos actos pasados.

Komic Librería: Cidade de Cristal

En todo o libro están moi presentes dúas obras literarias canónicas, como son Don Quixote e O paraíso perdido, ademais de percibirse (cada vez con máis intensidade a medida que se avanza na lectura) unha importante influencia kafkiana. E todo isto, evidentemente, coa cidade de Nova York como escenario. E Karasik e Mazzucchelli plasman esta historia en imaxes de xeito sorprendente e xenial.


Komic Librería: Cidade de CristalCidade de Cristal
Paul Karasik / David Mazzucchelli

El Patito Editorial
Tomos: 1





Asterios Polyp

Máis dunha década despois, en 2009, Mazzucchelli publicou a súa primeira (e ata o momento única) novela gráfica, Asterios Polyp, da que é autor por completo (ata deseñou el o formato do libro).

Komic Librería: Asterios Polyp

Asterios Polyp é un fermoso exercicio formal que resulta rechamante e atraente xa como artefacto (a edición é preciosa), e que contén un relato no que podemos atopar certos trazos autobiográficos, ao contarnos a historia do señor Polyp, un arquitecto adicado ao ensino, unha mente xeométrica e teórica (tan teórica que nunca se construíu nada deseñado por ela) ata dicir basta que non se atopa no seu mellor momento. Un accidente fortuíto obrigará a Asterios a mudar o seu camiño, e así imos ter dous planos de lectura: por unha banda asistimos a como reconduce a súa vida e pola outra descubrimos os acontecementos que o levaron a esos malos tempos.

Komic Librería: Asterios Polyp

A decoración, o deseño, a construción da páxina coma elemento narrativo, o emprego explícito de distintos estilos de debuxo e da cor... son moitos os elementos gráficos polos que sobresae tamén esta fantástica banda deseñada, como se o autor quixera mostrar o seu talento con certa vaidade. En todo caso, e deixando a un lado este exhibicionismo intelectual, estamos perante un dos títulos máis salientables deste século XXI, e estamos encantados de poder contar de novo nos nosos andeis con el.


Komic Librería: Asterios Polyp

Asterios Polyp
David Mazzucchelli

Salamandra
Tomos: 1