Aama, de Frederik Peeters: ciencia ficción e existencialismo

Komic Librería: Aama


O autor de Píldoras azules vén de publicar o cuarto e derradeiro tomo da serie de ciencia ficción Aama (Astiberri), un relato espectacular e impecablemente debuxado no cal, ademais dunha lectura engaiolante, atopamos alternativas para o futuro da raza humana que dan que pensar, e moito.

Komic Librería: Aama

Hai poucas semanas falamos do final da tetraloxía Blast, de Manu Larcenet, un autor inquedo que, malia ser moi distinto a el, comparte moitos puntos co suízo Frederik Peeters: coñecímolos máis ou menos ao mesmo tempo, coincidiron o mesmo ano en Viñetas desde o Atlántico (ai, aquela marabillosa edición de 2006) e ámbolos dous forman parte da exclusiva nómina de autores predilectos de Komic Librería (que non é pouco...). Así que non é estraño que pechen case ao mesmo tempo as series que os tiveron ocupados estos últimos anos. E, aínda que a ciencia ficción non aparece na obra de LarcenetBlast e Aama comparten un rechamante aquel existencialista. Distintas maneiras de procurar as respostas ás mesmas preguntas?

Komic Librería: Aama

Como xa fixera na estupenda Lupus (outra serie intimista situada no futuro, en catro tomos e tamén editada por Astiberri) Peeters botouse a andar nun proceso longo e incerto, sen unha planificación previa, sen saber cara onde o levaría a historia que comezou hai xa catro anos. E o certo é que lle quedou un camiño ben xeitoso e interesante. Agora, cos catro volumes nas nosas mans, e tras a súa lectura conxunta, podemos dicir que en Aama está presente o mellor deste autor inclasificable, que tanto pode contar a súa experiencia persoal e vital (Píldoras azules) como realizar un notable exercicio de revisitación do xénero negro (RG). O seu grandísimo talento no debuxo, sumado a unha salientable capacidade de observación e a unha imaxinación desbordante, confírenlle ás súas obras un atractivo superlativo.

Komic Librería: Aama

No caso da obra que hoxe nos ocupa o argumento xira arredor de Verloc, un libreiro (si, si, un amante e vendedor de libros físicos, non e-books nin lerias tecnolóxicas desas) que vive nun futuro onde precisamente os trebellos tecnolóxicos están presentes en todos os aspectos da vida humana. El decide vivir á parte disto, rexeita levar implantes no seu corpo, prefire vivir as cousas con máis naturalidade, e isto fará que perda o seu traballo, os seus amigos e a súa familia. Cando xa non ten nada que perder aparece o seu irmán Conrad, que o convencerá para que o acompañe a outro planeta na procura dunha estraña substancia chamada «Aama».

Komic Librería: Aama

Con este inquedante e misterioso punto de partida Peeters cuestiona e reflexiona sobre a relación (e a dependencia) que temos os humanos coa tecnoloxía, e como afecta isto ás relacións humanas. E todo isto con acción, aventura e intriga da boa. Se os dous primeiros álbumes (Olor a tierra caliente e La multitud invisible) chantaban os cimentos cunha precisión que non facía pensar na improvisación que o autor seguíu no proceso creativo no terceiro (El desierto de los espejos) derivaba cara un enfoque máis metafísico que se confirma no apoteósico tomo final (Serás maravillosa, hija mía), unha conclusión aberta a interpretacións e cun toque onírico semellante aos que xa nos presentara en Lupus ou Koma, cunha grande influencia tamén da mítica película de Kubrick 2001, una odisea en el espacio.

Komic Librería: Aama

Unha obra imprescindible para @s numeros@s seguidores e seguidoras deste autor, e moi recomendable para @s amantes da ciencia ficción.


Komic Librería: Aama

Aama
Frederik Peeters

Astiberri
Tomos: 4