O'Boys, de Colman e Cuzor: aventuras de sabor clásico na América dos anos 30
Comezamos o ano falándovos dunha estupenda historia de aventuras, ambientada nos anos da Gran Depresión nos Estados Unidos, onde os autores mesturan con mestría estereotipos do Sur americano como o guitarrista de blues que vende a súa alma ao demo, os conflitos raciais, o contrabando de alcol durante a Lei Seca ou os vagamundos que viaxaban de polizóns nos trens. Todo isto mentras os nosos protagonistas, un tal Huck Finn e o seu amigo Charley, fuxen nunha barquiña Mississippi abaixo...
Ai, o importante que son as portadas... A maioría das veces unha cuberta ben pensada e ben debuxada aporta moito a unha obra, atrae aos lectores e podes intuír o que vas atopar nas súas páxinas, e no caso deste álbum integral que recolle os tres tomos da serie O'Boys isto é o que acontece. A figura dun guitarrista de blues subido a un escenario, xunto a un micrófono e rodeado de fume, todo coloreado elegantemente en azul, resulta rechamante dabondo como para que este magnífico exemplo do tebeo de aventuras non pase desapercibido.
Baseado nunha idea orixinal do guionista e debuxante Steve Cuzor, que conta coa colaboración no argumento de Philippe Thirault nos dous primeiros capítulos e de Stéphan Colman no terceiro, O'Boys xoga cos tópicos dun tempo e dunha rexión que todos e todas coñecemos a través da literatura, do cinema e mesmo da música. Non é estraño que nas súas 180 páxinas ecoen as voces de Mark Twain, Jack London, William Faulkner ou John Steinbeck. É dicir, os autores desta obra xogan con personaxes, escenarios e situacións recorrentes do Sur americano, e a sorpresa vén ao ver que os empregan moi sabiamente para construír un deses relatos que enganchan ata o final.
O protagonista principal non ten outro nome que Huck Finn, e é o máis pequeno dos dous fillos dun borracho fabricante de augardente que malla nos cativos constantemente. Un bo día, trala desaparición no río do seu irmán Tom e da detención do seu pai acusado de asasinato, Huck é adoptado por un matrimonio acomodado e moi relixioso. O rapaz, incapaz de adaptarse á súa nova vida, comeza a obsesionarse co blues, a música que se escoita nas tabernas para a xente negra, e para poder entrar clandestinamente nun destes antros fai boas migas con Charley Williams, un dos empregados do seu pai adoptivo.
Este é o inicio das aventuras desta parella, rapaz e adulto, branco e negro, nunha viaxe que os levará por boa parte do Sur dos Estados Unidos nos primeiros anos da convulsa década dos trinta. Deste xeito a segregación racial ou a aparición dos primeiros movementos sociais crúzanse na procura que o noso dúo fai do seu irmán perdido, no caso de Huck, e da súa alma no de Charley.
Un road-comic cunha estrutura moi ben construída, cun ritmo narrativo que mantén a súa regularidade ao longo de todo o libro acompañado dun excelente debuxo de corte clásico. En definitiva, un integral moi interesante que fará gozar da súa lectura a todo tipo de público e que vos recomendamos agardando que vos guste tanto como a nós.
O'Boys (Integral)
Colman / Cuzor / Thirault
Norma
Tomos: 1