O Bichero, de Luís Davila: o humor noso de cada día

Komic Librería: O Bichero


Se nunca navegastes nunha embarcación pequena (e cando dicimos embarcación referímonos ás gamelas, ás chalanas, ás dornas ou mesmo aos chinchorros, non estamos a falar de iates ou transatlánticos) é difícil que saibades o útil que é un bicheiro, que non é outra cousa que un pau longo cun gancho metálico nun dos seus extremos. Pode valer para arrimar o bote ao peirao, coller algo que caia ao mar ou apañar un cabo. É dicir, unha especie de navalla suíza para a xente do mar. Por iso non é de estrañar que Davila decidira titular con este nome unha das series de tiras de humor gráfico que dende hai anos debuxa sorrisos en milleiros e milleiros de lectores e lectoras.

Komic Librería: O Bicheiro

E si, Luís emprega bichero no canto de bicheiro, unha opción se cadra máis realista que a imposta pola corrección filolóxica. Porque este pontevedrés de nacemento pero bueueiro ou bueués de adopción e corazón posúe a estraña (por difícil de atopar) capacidade de resultar espontáneo ao tempo que, sen parecelo, realiza unha fonda radiografía social da Galicia de hoxe en día.

Komic Librería: O Bicheiro

Podemos atopar trasuntos dos seus personaxes nun furancho de Cangas ou agardando polo vitrasa nunha rúa de Vigo, pescando no medio da ría ou colleitando patacas nunha leira de Bueu. Falando e actuando como eles. Un país coma o noso, onde ata os máis tenaces urbanitas teñen aldea (ou aldeas), e todos coñecemos algún Tucho ou Moncho, algunha Merceditas ou Sinda, aparece reflectido perfectamente nas viñetas deste autor. E proba disto é que o humor de O Bichero, malia ser moi da costa, e máis concretamente das Rías Baixas, triunfa ao longo de todo o territorio galaico.

Komic Librería: O Bicheiro

Nos últimos anos o traballo de Luís Davila foi acadando máis e máis repercusión, debido ao seu talento, por suposto, pero tamén a unha acertada presenza nas redes sociais e a estar aberto a iniciativas tan variadas como realizar un espectáculo co actor Carlos Blanco ou colaborar cunha coñecida marca de camisolas. Por isto non é raro que o propio autor decidira autoeditar as súas tiras en tomos compilatorios.

Komic Librería: O Bicheiro

O seu estilo combina unha fina retranca e un tratamento irónico e intelixente da actualidade (política, social, económica, mesmo deportiva) xunto a un certeiro retrato da idiosincrasia galega, sácalle punta aos estereotipos, rise deles e fai rir con situacións que non resultan inverosímiles.

Komic Librería: O Bicheiro

Plasma a memoria colectiva en microhistorias humorísticas dunha soa viñeta, e deste xeito por elas desfilan festas populares, problemas para pagar a hipoteca, a adaptación da terceira (e da segunda…) idade ás novas tecnoloxías ou a situación lingüística de hoxe en día. É dicir, cousas tanxibles que a maioría da poboación vivimos nalgún intre. E non só procura unha ollada divertida á realidade, senón que tamén inclúe habitualmente unha sutil crítica social.

Komic Librería: O Bicheiro

Xunto a nomes como Kiko da Silva, Leandro, Pinto e Chinto ou Andrés Meixide forma parte dunha nova xeración que segue os pasos de grandes autores da tradición galega de humor gráfico, asociado case sempre á prensa, como son Castelao, Siro, Quesada ou Xosé Lois. Un xénero gráfico dificilísimo porque son necesarias moita chispa e unha gran capacidade de observación para realizar un chiste diario, e que ademais teña graza.

Komic Librería: O Bicheiro

Nestes tempos escuros que vivimos e nos que por desgraza moit@s galeg@s volven emigrar (coma xa fixeran os nosos bisavós, avós e pais...) agradécese aínda máis o sorriso que as súas viñetas producen, así que xa sabedes, un estupendo agasallo para este nadal (e máis para a xente que anda emigrada) pode ser calquera dos tomos compilatorios de O Bichero.

Komic Librería: O Bicheiro

Aproveitamos para comentaros que, como di o trabalinguas: se vou a Bueu nun bou, vou (e se é acompañado de Davila, moito mellor), e este vindeiro xoves 30 de novembro teremos a sorte e a honra de contar con el en Komic Librería. A cita será a partires das 18:00 horas, e o autor morracense asinará exemplares das súas obras: non volo perdades, agardámosvos!


Komic Librería: O BicheroO Bichero
Luís Davila

Autoeditado
Tomos: 7