Trent, de Rodolphe e Leo: tres integrais para un home íntegro

Komic Librería: Trent (Integral)


Unha das consultas máis recorrentes de moit@s d@s nos@s komiqueir@s habituais é cando verán a luz no noso país o terceiro ciclo da saga de Los mundos de Aldebarán, unha das obras máis recomendadas na nosa librería nestes últimos anos. Como non podemos aclarar moito respecto a isto limitámonos a informar sobre a situación da serie en Francia, o seu país de orixe. Hoxe presentamos un novo título debuxado por Leo para sobrelevar esta longa espera. Trátase dun volume integral (o primeiro de tres) que recolle as primeiras aventuras do Sarxento Trent, e no que este experimentado autor brasileiro presta os seus lapis (como xa acontecía en Kenia, outra obra de ciencia ficción inédita en España e que estariamos encantados de ver publicada) aos guións do francés Rodolphe.

Komic Librería: Trent (Integral)

O tomo contén os tres primeiros álbumes deste personaxe, un sarxento da Policía Montada canadense ao que os seus superiores asignan esixentes misións nos inhóspitos e inmensos territorios desta, daquela, nova nación. Un debuxo realista e unha coidada ambientación axúdannos a situar cronoloxicamente a acción.

Komic Librería: Trent (Integral)

Como curiosidade atopamos un personaxe ao que Trent debe capturar que le, recita e mesmo transcribe nas paredes poemas de Rimbaud e pouco despois unha lápida confirmará que nos atopamos na derradeira década do século XIX. O autor recoñece influencias e referencias directas as súas lecturas de nenez e mocidade: Julio Verne, Walter Scott, Jack London e, sobre todo, James Oliver Curwood, escritor estadounidense cuxas historias ambientadas no Gran Norte nesta mesma época marcaron tanto a Rodolphe como a multitude de lectores de todo o mundo durante xeracións.

Komic Librería: Trent (Integral)

Pero máis aló do aspecto histórico e o magnífico ton de aventura da serie, salientamos como signo diferenzador doutras obras deste xénero o carácter e a personalidade do noso protagonista. Os autores creáronlle un pasado que se nos vai ir desvelando a través das lembranzas nas que se adoita sumir nas súas longas horas de soidade.

Komic Librería: Trent (Integral)

Este artificio do descurso, con un acertado uso do monólogo interior e da imaxe, é o único xeito de penetrar nun pasado entre lusco e fusco, xa que Trent é un home reservado a quen o pudor impide compartir calquera intimidade. Síntese obrigado a cumprir co seu traballo, é sensato, non se permite deslices, domínase. Cústalle ser fiel a si mesmo, pero esta é, sen dúbida, a súa máxima aspiración e a nós quédanos claro que estamos ante un home íntegro.


Komic Librería: Trent (Integral)

Trent (Integral 1/3)
Rodolphe / Leo

Ponent Mon
Tomos: 1