Catálogo Oneroso de Beleza Gratuíta, de Fran Bueno: gotas de tranquila fermosura

Komic Librería: Catálogo Oneroso de Beleza Gratuíta


Nótase cando alguén é feliz co seu traballo, cando o seu quefacer diario consiste en facer algo que lle gusta ou fascina e polo tanto o seu entusiasmo forma parte inherente das súas accións ou obras. Hoxe imos falar dun home que é feliz co seu traballo, que non é outro que contar historias a través dos seus debuxos. Chámase Fran Bueno, moit@s de vós coñecerédelo de sobra e sabedes que é un auténtico corredor de fondo no mundo da banda deseñada e da ilustración.

Komic Librería: Catálogo Oneroso de Beleza Gratuíta

Tras máis de vinte anos adicado á súa profesión acadou o ano pasado o VIII Premio Castelao de bd, galardón convocado pola Deputación da Coruña e xa consolidado como o máis importante da viñeta galaica, cunha obra que é unha auténtica marabilla e que vos convidamos a descubrir: Catálogo Oneroso de Beleza Gratuíta.

Komic Librería: Catálogo Oneroso de Beleza Gratuíta

Tras este longuísimo título agóchase unha nova e orixinal mostra das (case infinitas) posibilidades expresivas da arte secuencial que non engana en absoluto ao lector ou lectora, xa que precisamente consiste nunha enumeración de cousas (obxectos, sensacións, ideas, lugares, etc.) que para o autor son diferentes expresións da beleza.

Komic Librería: Catálogo Oneroso de Beleza Gratuíta

Son en total corenta e seis fichas que recollen unha chea de sentimentos e nas que Fran fai un arriscado e fermoso strip-tease da súa intimidade, deixando a unha beira a súa tradicional timidez para permitir que o coñezamos mellor. Explora distintos estilos ilustrativos, pero mantendo sempre o carácter coidado e limpo do seu debuxo, para mostrarnos estas pingas de tranquila fermosura.

Komic Librería: Catálogo Oneroso de Beleza Gratuíta

Ao introducirnos nos seus gustos e opinións obríganos a que, consciente ou inconscientemente, valoremos se estamos de acordo ou non coas súas propostas e que fagamos a nosa propia lista, o noso propio Catálogo.

No meu estaría, sen dúbida, esta fermosa xoia, un álbum evocador e emotivo que deixa unha gratísima sensación tras a súa lectura e que vos recomendamos encarecidamente.

Komic Librería: Catálogo Oneroso de Beleza Gratuíta

E aproveitamos para anunciaros que este vindeiro venres 26 de setembro, ás 18:00 horas, Fran Bueno visitará Komic Librería para presentar e asinar exemplares deste Catálogo Oneroso de Beleza Gratuíta. Agardámosvos!


Komic Librería: Catálogo Oneroso de Beleza Gratuíta

Catálogo Oneroso de Beleza Gratuíta
Fran Bueno

Deputación da Coruña
Tomos: 1