Cuadernos rusos, de Igort: a denuncia feita arte

Komic Librería: Cuadernos Rusos


Igor Tuveri, máis coñecido polo seu nome artístico Igort, é un vangardista e inquedo ilustrador e historietista italiano con moitos anos de carreira ás súas costas. De ascendencia rusa, hai uns anos sorprendeu cunha durísima obra realista titulada Cuadernos Ucranianos (Sins Entido), que ten agora continuación con este Cuadernos Rusos (La guerra olvidada del Cáucaso), editado por Salamandra Graphic.

En Cuadernos Ucranianos, un título valente, de lectura dura pero necesaria, afastábase do seu estilo habitual e por primeira vez empregaba o xénero documental, reflectindo moitas das cousas que o impresionaron nunha viaxe a ex-república soviética, entrevistando a xente maior que lembraba o terrible xenocidio que Stalin levou a cabo en Ucraína nos anos trinta, e cedendo as súas páxinas para que a súa historia fora contada. Agora, en Cuadernos Rusos (La guerra olvidada del Cáucaso), Igort fai un arrepiante retrato da vida e da liberdade na Rusia dos nosos días.

Komic Librería: Cuadernos Rusos

Malia que poida resultar incrible aos nosos ollos occidentais, a situación actual do xigante ruso é dantesca, dende hai uns vinte anos o poder está en mans de grandes oligarquías financeiras que gobernan ao seu antollo, coa connivencia do estado. Das cinzas do rexime comunista naceu unha violenta ditadura disfrazada, coa complicidade da comunidade internacional, de democracia.

Komic Librería: Cuadernos Rusos

Todos e todas aqueles que ousan erguer a súa voz contra os excesos do rexime de Putin poñen a súa vida en perigo, tanto ten que sexa un ex-axente da KGB que denuncia as graves irregularidades dos servizos segredos, como foi o caso de Aleksandr Litvinenko (morto por envelenamento de polonio) ou valentes xornalistas que arriscan todo por tentar dar a coñecer a verdade. Unha destas vítimas foi o detonante que levou a Igort a afondar neste tema: o covarde asasinato, no ano 2006, da xornalista Anna Politkóvskaya, a quen dispararon no ascensor da súa propia casa por publicar información pouco favorable aos intereses do goberno.

Komic Librería: Cuadernos Rusos

Así pois o noso narrador comeza o libro visitando ese mesmo edificio, ese mesmo ascensor onde Anna foi asasinada é o punto de partida dunha viaxe crúa e aterrecedora que nos levará ata Chechenia, unha das grandes obsesións de Politkóvskaya, e nos convertirá en espectadores de primeira liña do abuso, da tortura e do inhumanidade.

Komic Librería: Cuadernos Rusos

Numerosos testemuños (de nais chechenas, de soldados rusos, de vítimas de torturas...) en primeira persoa recollidos polo autor ou pola xornalista dan fe da incruenta guerra/masacre levada a cabo polo exército ruso e dos escasos escrúpulos do goberno á hora de empregar o engano e a mentira.  Datos sorprendentes, ben documentados, contados con enorme honestidade en secuencias intensas e difíciles de esquecer que o debuxo nu e sen artificio de Igort plasma cunha sobriedade tristemente fermosa, acadando un deses escasos (e necesarios) exemplos nos que a arte presta as súas armas á defensa da liberdade e do espírito humano.

Komic Librería: Cuadernos Rusos

Fronte á barbarie, á inxustiza e o horror podemos, comodamente, pechar os ollos ou mirar cara outro lugar, pero a nosa obriga como persoas é loitar contra a indiferenza. Obras como Cuadernos Rusos non serán recomendadas como lecturas de evasión ou polo seu valor artístico, pero a súa razón de existir é indiscutible. Por iso agradecemos tanto este documental con debuxos feito por Igort, porque é xusto, honrado e necesario.


Komic Librería: Cuadernos RusosCuadernos Rusos (La guerra olvidada del Cáucaso)
Igort

Salamandra Graphic
Tomos: 1