La entrevista, de Manuele Fior: dispendio de facultades

Komic Librería: La entrevista


En Komic Librería levamos moito tempo debatendo e razoando sobre as causas de que unha gran proporción do que se produce actualmente no noso medio dirixa a súa mirada cara o pasado. Sendo conscientes de que o que está a acontecer é sempre unha consecuencia do que antes aconteceu, parece claro que non é sinxelo construír boas historias ambientadas no presente, e máis difícil resulta aínda agora imaxinar un futuro próximo.

Komic Librería: La entrevista

En certo momento moitos dos grandes autores de cómic (Moebius, Jodorowsky, Bilal, Christin, Meziers, Miguelanxo e un longo etcétera) gozaban guionizando e debuxando ciencia-ficción. Facían gozar e literalmente alucinar aos seus lectores, descubríndonos ideas e novidades visuais das que case non existían referencias previas. Foron xenios visionarios capaces de imaxinar posibles derivas cara ás que a nosa especie podería dirixirse. O vertixinoso avance tecnolóxico dos últimos anos, xunto coa obsolescencia programada, son as causas máis probables de que os autores actuais non se aventuren a lidar coa CI-FI. En todo caso, hoxe temos entre mans a excepción que confirma a regra.

La entrevista é un deses libros dos que non convén falar moito ata dixerilo e metabolizado. Aínda así, en Komic Librería consideramos necesaria esta recensión que encarecidamente o recomenda, porque estamos convencidos de que será un dos mellores do ano.

Komic Librería: La entrevista

Os protagonistas, un maduro psicólogo clínico e a súa xove paciente, coñécense na consulta do primeiro tras unha noite na que sucesos incomprensibles abren a porta a un novo coñecemento. Algo cambiara xa nese momento con respecto ao que hoxe en día vivimos en occidente, pero eses fenómenos estraños serán catalizadores e levarán a humanidade ao que logo se coñecerá como unha nova fase.

O estilo narrativo de Manuele Fior é suxestivo e inquietante, como xa demostrara en La Señorita Else e Cinco mil kilómetros por segundo. Agora achega outros recursos gráficos absolutamente brillantes, novidosos e orixinais que reforzan o clima de misterio que se mantén dende a primeira ata a última páxina.

Komic Librería: La entrevista

Hai moitas e moi boas ideas que o autor vai soltando como seixos ao longo dun camiño: son pistas que iremos descubrindo se estamos alerta. Non queremos privar a ninguén do pracer de descubrilas por si mesmo, só mencionaremos un par de ideas claras que transcenden máis alá do contido explícito destas páxinas:

- Os avances sociais que a humanidade pode alcanzar nas próximas décadas, contra todo prognóstico, non teñen porque estar ligados á tecnoloxía que podería converternos en escravos (se non o fixo xa) dos que a desenvolven.

- Só nun estado de confianza plena nos que nos rodean se poderían espertar as capacidades ocultas dos nosos cerebros e do soporte físico que son os nosos corpos.

Komic Librería: La entrevista

Acontece a miúdo que facultades como a clarividencia son máis propias dos artistas que dos tecnócratas que agora mesmo dirixen o destino da maioría, pero se queremos crer na posibilidade real dunha evolución social, todos deberiamos mellorar a nosa capacidade de entrever.


Komic Librería: La entrevistaLa entrevista
Manuele Fior

Salamandra Graphic
Tomos: 1