Las oscuras manos del olvido, de Hernández Cava e Seguí: un cómic contra a desmemoria

Komic Librería: Las oscuras manos del olvido


Atopámonos ante unha das obras que, de seguro, máis darán que falar neste 2014. A terceira colaboración do tándem creativo formado por Felipe Hernández Cava e Bartolomé Seguí, que tras o éxito Las Serpientes Ciegas (BD Banda) e de Hágase el Caos (Norma) desembarcan de novo en Komic Librería cun excelente thriller que colle prestado un verso de Quevedo como título e no que, case por vez primeira na bd nacional, aparece o conflito vasco tratado cunha certa profundidade.

O argumento xira arredor de Antoine, un mafioso marsellés, extremadamente culto e solitario, que vén de saír da cadea tras cumprir trinta anos de condena, e que ao recobrar a súa liberdade céntrase en cumprir un encargo que lle fixo antes da súa entrada en prisión un empresario vasco ameazado polo entorno de ETA: no caso de que alguén rematara coa súa vida, quería que Antoine asasinara ao seu verdugo.

Komic Librería: Las oscuras manos del olvido

O noso protagonista, tras tres décadas ausente da vida normal, focaliza todas as súas enerxías neste obxectivo, como se dun asunto de honra se tratara. Inicia daquela unha investigación na procura do responsable da morte do empresario, investigación que o levará de Marsella a Palma de Mallorca, Madrid ou París, para desembocar finalmente en San Sebastián.

Komic Librería: Las oscuras manos del olvido

Durante as súas indagacións se entrevistará con varias vítimas, momento que Hernández Cava aproveita para darlle voz a aqueles que viron as súas vidas truncadas por atentados da organización terrorista. Este é o gran obxectivo do guionista con esta obra: non deixar que caia no esquecemento o sufrimento de toda esa xente, e ao facelo constrúe o que, para nós, é o seu mellor traballo.

Komic Librería: Las oscuras manos del olvido

E se pensamos que estamos diante dalgunhas das mellores páxinas deste veterano madrileño, o seu compañeiro no apartado gráfico, Tomeu Seguí, sen ser un virtuoso, non se queda atrás e firma un debuxo sobrio e eficaz, perfecto para narrar esta historia, compoñendo ambientes a través da cor e representando os escenarios reais cunha soltura admirable.

Komic Librería: Las oscuras manos del olvido

Xa dende a magnífica portada aprezamos o seu bo quefacer e o tremendo peso que os símbolos teñen nesta obra: cun fondo gris e o título elegantemente impreso en verniz brillante transparente, aparece unha misteriosa figura representando a un médico da peste negra, doutores especializados que trataban aos doentes da peste e que decote levaban unha máscara que semellaba o pico dun ave e que adoitaba ir rechea de produtos aromáticos para evitar o aire miasmático. Baseada nun gravado do século XVII, esta figura porta na súa man dereita unha pistola Tokarev, e enlaza directamente coa importantísima influencia que ten durante todo o relato a novela A Peste, de Albert Camus.

Komic Librería: Las oscuras manos del olvido

Resulta rechamante o moito que custa tratar certos temas neste país no que vivimos, onde existe unha tendencia enorme a ver as cousas como brancas ou negras, sen percibir as multiples opcións que normalmente existen. Sen ir máis lonxe, o mesmo día que este libro chegou a Komic Librería, un xornal de tirada nacional adicáballe unha páxina enteira falando do mesmo co titular:Un cómic contra o peche en falso de ETA.

Komic Librería: Las oscuras manos del olvido

Cada quen terá a súa opinión en base á súa experiencia propia respecto ao conflito en Euskadi, e estará (ou non) de acordo co discurso dalgúns dos personaxes que aparecen nesta novela gráfica de 72 páxinas, pero iso non debería ser impedimento para gozar coa lectura desta historia de xénero negro e ritmo trepidante.

Iso si, tamén chama a atención o feito de que, agás na revista satírica TMEO ou nalgunha contada excepción (La ola perfecta, de Ramón de España e Sagar, EDT, 2012), ETA non se tratara ata o de agora no mundo da viñeta e, de súpeto, aparezan dúas obras tratando o tema, xa que a Las oscuras manos del olvido temos que engadir a próxima publicación de He visto ballenas, do donostiarra Javier de Isusi.


Komic Librería: Las oscuras manos del olvido

Las oscuras manos del olvido
Felipe Hernández Cava / Bartolomé Seguí

Norma
Tomos: 1