Egon Schiele, de Xavier Coste: a biografía gráfica dun xenio da pintura

Komic Librería: Egon Schiele


Hai artistas que non precisan unha vida longa para deixar unha fonda pegada coa súa obra e que a súa influencia perdure co paso do tempo. Un deses casos vén de sumarse a outros nomes ilustres que racharon a barreira entre pintura e banda deseñada para ver a súa vida retratada a través das viñetas, como son Rembrandt, Van Gogh, Picasso, Castelao ou Chagall: o expresionista austríaco Egon Schiele.

Komic Librería: Egon Schiele

Finado con tan só vinteoito anos de idade por mor da gripe española, o seu característico debuxo de trazo firme e descarnado, Egon Schiele segue a cativar hoxe en día, case cen anos despois da súa morte, e de feito podemos afirmar que é un dos artistas pictóricos con maior influxo no mundo da arte en xeral e do cómic en particular. Como bo xenio foi un autor incorfomista e atormentado, vividor e incomprendido no seu tempo, cunha tormentosa vida sentimental e que mesmo foi soldado na Primeira Guerra Mundial, tras pasar un proceso xudicial acusado de pornografía polas súas pinturas.

Komic Librería: Egon Schiele

Esta intensa andaina vital é recollida por Xavier Coste, outra mostra máis da inesgotable canteira francesa, nun elegante tomo co que debuta e no que demostra a súa paixón e respecto por Schiele centrándose sobre todo na vida adulta do noso protagonista, achegándonos a súa propia visión (fondamente documentada) sen caer no didactismo, nas concesións ou na mera sucesión de datos.

Komic Librería: Egon Schiele

Asistimos pois, en toda a súa magnitude, á explosión do talento deste discípulo confraternal de Klimt: as malas críticas e os primeiros éxitos, o seu apetito por conquistar ás mulleres e o desacougo pola perda das persoas amadas, o seu gusto pola provocación e a súa anguria existencial, etc. Xavier Coste, un novísimo historietista normando, acada, de maneira sorprendente para a súa idade e inexperiencia, un álbum maduro e mesurado no narrativo, evitando caer na tentación do escándalo ou do sensacionalismo aos que poden convidar algúns dos tempestuosos episodios da vida do pintor austríaco.

Komic Librería: Egon Schiele

No apartado gráfico asistimos á presentación dun debuxante con paciencia e con gran talento gráfico, que fuxe, aquí tamén, de achegar o seu estilo ao do protagonista, e que emprega unha gama de cores outonizas (ocres, pardentas, grises e vermellas) que transmite un aquel de tristura existencial que lle acae como unha luva á historia.

Komic Librería: Egon Schiele

Xa que logo estamos diante dunhas das lecturas máis agradecidas do que levamos de ano, pola fermosa homenaxe que lle fai a un dos nosos pintores preferidos un autor ao que non lle perderemos á pista e do que agardamos ver publicada por estas terras a súa segunda obra, na que se centra noutro precoz xenio, o poeta Arthur Rimbaud.


Komic Librería: Egon Schiele

Egon Schiele
Xavier Coste

Norma
Tomos: 1