A Fraga Milmañas: a recuperación dun clásico da bd infantil galega
Mimadriña, como pasa o tempo! Hai catorce anos xa que as primeiras páxinas de A Fraga Milmañas viron á luz na revista Golfiño, e agora volven ás nosas mans nunha escolma editada por Demo Editorial que recolle boa parte das aventuras dos habitantes da fraga.
Corría o ano 2000 cando os polifacéticos Carlos Amil (guionista, cineasta, escritor) e Manel Cráneo (músico, ilustrador, historietista, editor e ademais Excmo. Cónsul do Planeta Mincha) publicaban a primeira das historias situadas nesta particular Fraga Milmañas, onde o humor, a imaxinación e a metalinguaxe da banda deseñada ían collidas da man para gozo e ledicia de pequenos e maiores.
Protagonizada principalmente por un lobo famento que poucas veces consegue encher o bandullo (Ferocio), unha espelida raposa lista coma un allo (Fonsa) e máis a súa sombra (chamada precisamente así, Sombra), a serie destacou dende o seu comezo pola súa acertada mestura de recursos clásicos con ideas moi anovadoras, e deste xeito gags de inspiración clásica conviven con imaxinativos xogos á hora de empregar os recursos da banda deseñada (os propios personaxes son conscientes de vivir nas páxinas dunha historieta creada polos autores, páxinas polas que se moven con total liberdade).
Malia estar orientada cara un público infantil, A Fraga Milmañas reflicte tamén a época na que foi concebida e realizada, e así atopamos durante varias páxinas referencias á catástrofe do Prestige que asolou as nosas costas ou divertidas alusións ao comezo do emprego masivo dos teléfonos móbiles.
E aínda que xa choveu, A Fraga Milmañas segue a ser tan divertida e abraiante como daquela, polo que vos recomendamos a súa lectura, sobre todo ás lectoras e lectores máis novos.
A Fraga Milmañas
Carlos Amil / Manel Cráneo
Demo Editorial
Tomos: 1