División Azul, de Fran Jaraba: Unha ficción histórica profundamente documentada

Komic Librería: División Azul


Magnífico traballo o realizado polo autor galego Fran Jaraba en División Azul (De Ponent), un relato de ficción histórica, xénero que semella vivir un rexurdimento e que está a ser moi ben acollido por un amplo sector do público.

Komic Librería: División Azul


Documentado en profundidade tanto nos avances na investigación da enerxía atómica como no reclutamento e posta en acción da División Azul, Fran Jaraba constrúe un texto moi sólido protagonizado por un mozo, Santi, natural de Santiago de Compostela e que se alista para combatir na unidade española do exército alemán non por motivos ideolóxicos, senón inducido por un amigo para servir á causa oposta.

Komic Librería: División Azul

Coma outros dos personaxes que concorren nesta narración, Santi vaise ver na obriga de actuar en contra dos seus principios, xa que o seu pai foi fusilado polos falanxistas no ano 36 (sorte que el evitou por ter daquela só dezasete anos), e agora, anos máis tarde, convértese nun divisionario.

Komic Librería: División Azul

División Azul está dividido en capítulos que levan o nome dos lugares por onde vai transcorrendo a acción: Berlín, Madrid, Hendaia, Compostela... Esta estrutura resulta efectiva, e o debuxo minucioso e realista de Jaraba aporta autenticidade a unha narración de ritmo compensado, que só no derradeiro capítulo se vai ver afectado, xa que as pertinentes explicacións para culminar a historia van facer que prevalezan os textos sobre a acción secuenciada.

Komic Librería: División Azul

Resúltannos gratificantes as poucas páxinas onde observamos as rúas de Santiago de Compostela con precisión fotográfica, inmutables ao paso dos anos e dos séculos, e lugares coma o Café Derby, que non mudou practicamente nada dende o ano 1941, no que se ambienta a trama.

Komic Librería: División Azul

Como comentamos dende o parágrafo inicial, o relato está perfectamente culminado. O derradeiro capítulo de División Azul, situado tras a fronteira soviética, serve para deixar claras as conviccións e motivacións de cada un dos personaxes principais, e mesmo vai un pouco máis alá, condenando ou xustificando ideoloxías e accións de cada unha das partes.


Komic Librería: División AzulDivisión Azul
Fran Jaraba

De Ponent
Tomos: 1