Máis alá!: terceira entrega da Colección Castelao, coeditada por Komic Librería
Resulta moi grato poder anunciar a publicación de Máis alá!, un novo tomo (o terceiro xa) da Colección Castelao, coa que Komic Librería segue tan involucrada como o estivo dende a mesma xestación do proxecto.
Inacio e Iván Suárez seguen empeñados en mostrarnos os diversos perfiles da gran figura da cultura galega co seu particular estilo baseado nunha liña narrativa multiple.
Os autores pretenden contarnos varias cousas á vez, tal e como ocorría nos dous títulos anteriores, O pobre tolo e Titoán. Non é doado isto, pero talvez en Máis alá! atopan unha maneira máis equilibrada pois, sen ser menor o grao de información que conteñen estas páxinas, fáisenos chegar nunha fórmula mellor diluída que fai a lectura máis fluída.
Tamén no aspecto gráfico ocorre algo semellante: Iván Suárez está menos suxeito ao seu propio estilo, explora e sóltase. O resultado é que, sen perder a súa personalidade, gaña en expresividade e dinamismo.
Aínda que a acción arranca en Monforte no ano 1922 (coa reunión da IV Asemblea da Irmandade da Fala), o interese principal deste Máis alá! está en mostrarnos a estadía de Castelao en París durante o ano 1921. Unha conversa entre o noso protagonista e Manuel Antonio (outro ilustre autor rianxeiro, xunto con Álvaro Cebreiro) sobre o manifesto vangardista que presta o seu título a esta obra, serve para introducirnos algún dos temas que atoparemos ao longo do cómic.
Os percorridos polos museos e exposicións de París son a excusa perfecta para coñecer como Castelao percibe e xulga as artes nun intre de ruptura coa aparición das vangardas. Pintura, escultura, arquitectura, impresionismo, cubismo, dadaísmo... diversas disciplinas artísticas e estilos moi variados que se nos presentan a través duns ollos e dunha mente aberta, mais analítica e sempre crítica.
Xa en Pontevedra, na primeira metade de 1922, Castelao completará unha crónica escrita do que foi esa viaxe. Este traballo, que foi publicado na revista Nós, conforma, xunto ao seu Diario, a materia prima coa que Inacio e Iván Suárez constrúen a obra que hoxe presentamos, e coa que conseguen ir e levarnos aos lectores Máis alá!.
Máis información:
Castelao entre os cadriños
27/05/2013, Culturagalega.org
A andaina de Castelao por Europa
18/05/2013, Sermos Galiza
O pobre tolo en Komic Librería
Titoán en Komic Librería
Inacio en Cultura Galega
Iván Suárez en Cultura Galega
Demo Editorial
Castelao. Máis alá
Inacio / Iván Suárez
Demo Editorial / Komic Librería
Tomos: 1