El Héroe. Libro Dos: David Rubín en estado puro

Komic Librería: El Héroe. Libro Dos


Durante os últimos anos lin, recomendei e vendín os libros de David Rubín describíndoos con asiduidade coma os cómics que me gustaría facer se eu fixera cómics. Con isto deixo claro que este rapaz ourensán de ollar grande e inquedo conseguíu gañarme para a súa causa dende a primeira viñeta. A coincidencia xeracional e de gustos fan moito, pero hai algo máis, unha fonda admiración polo seu traballo e pola súa evolución como artista.

Agora, tras ano e medio de espera, chega á nosa librería, editada coidadosamente por Astiberri, a segunda e derradeira parte de El Héroe, a súa particular versión do mito de Heracles e as súas doce probas, un traballo que atopo excepcional e que o confirma como un dos meus autores preferidos.

Komic Librería: El Héroe. Libro Dos

Un traballo que é puro Rubín, porque David é un deses debuxantes que se baleira por completo nas súas páxinas e que se mantén fiel ao seu estilo. Dáse enteiro e por completo. Pódeche gustar ou non, pero sempre é el, e esta honradez, unida a un entusiasmo fóra do común fan que aprobe con nota a difícil e valente tarefa de revisar unha historia clásica e fundamental da mitoloxía grega.

Komic Librería: El Héroe. Libro Dos

Pero esta obra non é simplemente unha revisión ou unha nova versión do mito, senón que é o escenario escollido por Rubín para reflexionar sobre a condición heroica e a súa necesidade.

O tráxico destino de Heracles, que é odiado dende antes do seu nacemento por Hera dada a súa condición de fillo bastardo de Zeus, que está sometido aos caprichos e probas do envexoso de Euristeo, pero tamén é querido polo pobo, salvador dos indefensos, comprometido coa xustiza e coa loita contra a tiranía, é actualizado con elementos procedentes do cómic de superheroes, do cine fantástico e mesmo do manga, e mesturado co persoal estilo de Rubín, cheo de forza e espectacularidade.

Komic Librería: El Héroe. Libro Dos

David confirma nesta obra que é un excepcional narrador e debuxante, nunha obra chea de acción e incribles escenas de combates, un abraiante tratamento da cor e unhas páxinas construídas de maneira tan anovadora como efectiva a nivel narrativo. En certa maneira semella como se moitas das súas obras anteriores foran preparativos que o levan cara El Héroe. Dende os seus primeiros traballos construíu un estilo propio e único, e durante estos anos foi perfeccionando e mellorando o seu universo, algo que eleva nesta obra ata cotas altísimas.

Komic Librería: El Héroe. Libro Dos

As máis de 560 páxinas que conforman El Héroe desbordan paixón, ilusión e moito, moito agarimo. O dun neno que, como vemos no prólogo que introduce a obra, alucina cos superheroes e con Jack Kirby, e soña con chegar algún día a ser un autor de cómics. Algo que, felizmente, non quedou só nun soño, senón que é unha magnífica realidade.

Komic Librería: El Héroe. Libro Dos

Remata a obra David con enorme satisfacción e pensando no seu seguinte libro. Nós tamén...


Komic Librería: El Héroe. Libro DosEl Héroe. Libro Dos
David Rubín

Astiberri
Tomos: 1