Día do Libro 2022

Dia do libro

SELECCIÓN DE CÓMICS PARA CELEBRAR O DÍA DO LIBRO 2022

Este vindeiro sábado 23 de abril festexamos, coma tódolos anos, a existencia do libro, o fermoso e máxico artefacto que é a razón da nosa existencia como libreiros.

Como podedes imaxinar é unha data ben sinalada e querida para nós e, como en anos anteriores, queremos compartir convosco unha pequena selección de títulos aparecidos nos últimos meses, moi axeitados para celebrar este día e entre os que podedes atopar adaptacións de obras literarias, relatos biográficos sobre autoras e autores e, por último, álbumes onde o libro ten unha relevancia especial.

De seguido vos deixamos os dez cómics que escollimos, agardando que estas suxestións vos sexan de utilidade e desexándovos un moi feliz Día do Libro. Aproveitamos para vos lembrar que durante ese día as compras de libros terán un 10% de desconto, polo que pode ser unha oportunidade estupenda para que nos fagades unha visita. Agardámosvos!

VERNON SUBUTEX, PRIMERA PARTE VERNON SUBUTEX, PRIMERA PARTE de Luz e Virginie Despentes (Salamandra Graphic): Un dos títulos máis impresionantes dos últimos meses (e anos). A magnífica adaptación da primeira novela da triloxía na cal Virginie Despentes satiriza de xeito despiadado a decadencia da sociedade do benestar a través do seu protagonista, ex-propietario dunha mítica tenda de discos, e o seu particular descenso aos infernos.

Le pont des arts LE PONT DES ARTS, de Catherine Meurisse (Impedimenta): No novo libro da autora de Los grandes espacios, La comedia literaria ou La levedad a pintura e a literatura danse a man a través de diversos exemplos de amizades entre recoñecidos escritores e pintores salientables, todo narrado co particular estilo dinámico e divertido de Catherine Meurisse.

Calpurnia CALPURNIA (volumes 1 e 2), de Daphné Collignon (Libre Albedrío): En dous tomos dirixidos cara o público xuvenil a autora adapta coidadosamente a novela de Jacqueline Kelly sobre unha rapaza entusiasmada coa natureza e o seu estudo no comezo do século XX.


Valle-Inclán VALLE-INCLÁN, de Manolo López-Poy y Kepa de Orbe (Cascaborra): Un achegamento á fascinante figura do escritor galego, creador do esperpento e un dos máximos expoñentes do modernismo. A súa vida bohemia e esaxerada atópase representada con imaxinación nesta documentada biografía.

O voo da curuxa O VOO DA CURUXA. UNHA TARDE NO PAZO DE MEIRÁS CON DONA EMILIA, de Inacio y Iván Suárez (Demo): A parella creadora, responsable dos catro tomos onde levaron á banda deseñada a vida e obra de Castelao, céntrase desta volta na figura de Emilia Pardo Bazán nun relato que abala entre o real e o literario a partir das horas que a escritora pasou, no final da súa vida, co cineasta Eduardo Zamacois, no único rexistro cinematográfico que se conserva dela.

Ex-libris EX LIBRIS, de Matt Madden (Salamandra Graphic): O protagonista desta historia aparece, sen saber moi ben como ou porqué, nun cuarto cheo de libros. Así comeza este fascinante relato metaficticio, lúdico e experimental, no cal Matt Madden segue o ronsel de escritores como Borges, Italo Calvino ou Cortázar.

Nada NADA, de Claudio Stassi (Planeta): atreverse con La ciudad de los prodigios, de Eduardo Mendoza, o historietista italiano afincado en Barcelona regresa á Cidade Condal da primeira metade do século XX trasladando ás viñetas con acerto e agarimo a excepcional novela existencialista de Carmen Laforet.

R.U.R Rossum's Universal Robots R.U.R., ROSSUM´S UNIVERSAL ROBOTS de Katerina Cupová y Karel Čapek (La Cúpula): Esta ilustradora checa adapta con atrevemento unha obra teatral de ciencia-ficción do ano 1920, un deses fascinantes casos que, máis de cen anos despois, segue a ter vixencia e relevancia como relato sobre a intelixencia artificial e a alma das máquinas.

The book Tour THE BOOK TOUR, de Andi Watson (Nuevo Nueve): Nesta novela gráfica acompañamos a un escritor na xira de promoción do seu último libro, unha viaxe delirante que deriva cara un pesadelo de aires kafkianos.


El Mundillo Literario EL MUNDILLO LITERARIO, Nesta compilación de relatos curtos, tiras gráficas e viñetas humorísticas a artista inglesa explora cunha retranca deliciosa o universo que rodea o libro. Escritores, editores, libreiros, lectores…aparecemos retratados coa elegante ironía que caracteriza á autora de Tamara Drewe.


Finalmente, aquí vos deixamos unha ligazón onde poderedes atopar os artigos que, co gallo desta data, escribimos en anos anteriores.