Día do Libro 2019: 11 lecturas recomendadas para celebralo
Hoxe é un día moi especial para Komic Librería. Como cada 23 de abril celebramos a existencia dun artefacto arredor do cal xira a nosa vida, unha invención xenial coa cal aprendemos, gozamos, viaxamos, divertímonos e moitísimas cousas máis. Falamos, por suposto, do libro. E, como vén sendo habitual nesta xornada de festa, propoñémosvos dende aquí unha selección de bandas deseñadas escollidas especialmente pola súa relación co libro e coa literatura. Algo que xa fixemos en anos anteriores, con propostas que podedes lembrar nas seguintes ligazóns: 2013, 2014, 2015, 2016, 2017 y 2018.
Desta volta optamos por facer dous grupiños de cinco obras, un deles correspondente ás últimas adaptacións literarias que chamaron a nosa atención, e o outro recollendo as biografías literarias máis salientables entre o producido no último ano. A maiores recomendámosvos tamén un título que non entra nestas dúas categorías pero que de seguro atoparedes interesante. Xa que logo aquí vos deixamos estas once obras, desexándovos un feliz Día do Libro cheo de lecturas estupendas:
ADAPTACIÓNS DE OBRAS LITERARIAS
El jugador de ajedrez
David Sala
Astiberri
A derradeira novela de Stefan Zweig, unha desgarradora e sutil denuncia da barbarie do nazismo a través do xadrez, trasladada cun gusto exquisito á banda deseñada. Aquí podedes atopar máis información sobre esta adaptación.
Soldados de Salamina
José Pablo García
Reservoir Books
A investigación que o xornalista e escritor Javier Cercas realizou sobre un episodio concreto da Guerra Civil rematou sendo unha exitosa novela que mesmo tivo a súa versión cinematográfica. Chega agora a súa terceira realización, neste caso da man do talento de José Pablo García para nos presentar esta coidada adaptación á novena arte.
O puño e a letra
VV. AA.
Xerais
Corenta poemas escritos pola poetisa Yolanda Castaño atopan aquí a súa plasmación en viñetas a través da visión doutros tantos autores e autoras pertencentes a distintas xeracións da bd galega.
Kafkiana
Peter Kuper
Sexto Piso
Este historietista estadounidense, responsable dunha interesante adaptación de A metamorfose, atrévese agora con catorce relatos do escritor checo aportando a forza e a expresividade do seu característico trazo.
Matar a un ruiseñor
Fred Fordham
Random
A adaptación da obra deste conmovedor clásico, obra de Harper Lee, conserva e transmite toda a humanidade do relato orixinal, un alegato contra o racismo e a intolerancia.
BIOGRAFÍAS LITERARIAS
Howard P. Lovecraft
Nikolavitch / Gervasio / Aón / Lee
Oberon
Unha abraiante viaxe ao interior e ás circunstancias da vida do escritor de Providence, creador dun aterrador e sobrenatural universo propio que o converteu nunha figura de culto e referente da literatura de terror.
Perro de Dios
Jean Dufaux / Jacques Terpant
Ponent Mon
Louis-Ferdinand Céline é sen dúbida un nome fundamental nas letras francesas contemporáneas e este álbum explora a fondo a súa figura como novelista, médico e persoa. Atopamos deste xeito ao autor de Viaxe ao fondo da noite coma nunca antes se nos presentara.
A tumba de Breogán
Abel Alves / Esteban Tolú
Demo Editorial
Engadimos aquí este título, malia tratarse dunha ficción histórica e non dunha biografía, por estar protagonizado por Eduardo Pondal, nunha emocionante aventura na Coruña do século XIX. Hai uns meses xa vos falamos desta bd neste artigo.
Vida y muerte de Federico García Lorca
Quique Palomo
Edicións B
O excelente ensaio escrito polo hispanista británico Ian Gibson sobre o poeta andaluz é levado aquí á linguaxe do cómic dun xeito ameno e moi completo.
Antonio Machado, los días azules
Cecília Hill / Josep Salvia
Diábolo
O tándem responsable deste álbum afonda nos derradeiros días do escritor no exilio provocado pola Guerra Civil.
BONUS
Lavennder
Giacomo Bevilacqua
Panini
Como vos comentabamos ao comezo deste artigo esta obra non adapta unha obra literaria, senón que xoga cos elementos dunha imaxinativa novela coñecida por todas e todos realizando máis unha «perversión» que unha versión. Un thriller psicolóxico que vos atrapará e sorprenderá.