O Kiosco Alfonso acolle unha retrospectiva coas ilustracións de Xosé Cobas

Exposición de Xosé Cobas en Kiosco Alfonso (A Coruña)


Recomendámosvos que visitedes a exposición retrospectiva que, ata o 12 de febreiro, recolle no coruñés Kiosco Alfonso gran parte do traballo de ilustración realizado por Xosé Cobas desde 1988. É talvez esta faceta a que lle outorgou maior prestixio e recoñecemento a este prolífico autor de Logrosa (Negreira), e na que volcou toda a sensibilidade e coñecemento que dende rapaz amosou pola pintura.

Exposición de Xosé Cobas en Kiosco Alfonso (A Coruña)

Xosé Cobas é unha persoa moi próxima e moi querida por nós. Nacimos e criámonos xuntos no sentido máis literal, así como tamén no ámbito profesional. Sempre teremos máis dunha débeda impagable con el porque ademais de cultivar o noso gusto polas artes dende a infancia, Cobas é o creador do logotipo de Komic Librería, un símbolo que, despois de tres décadas de uso ininterrumpido, resulta facilmente recoñecible para todos os afeccionados á banda deseñada.

Exposición de Xosé Cobas en Kiosco Alfonso (A Coruña)

Nesta retrospectiva cronolóxica pódese aprezar a evolución e a confirmación do artista como un especialista. Partindo dun estilo moi próximo aos gustos da época, Cobas vai atopando paseniñamente a súa propia voz, nunha fuga do convencional cara o íntimo que revela unha iconografía persoal, sen deixar nunca de beber das fontes que lle deron alento: o debuxo e a pintura.

Exposición de Xosé Cobas en Kiosco Alfonso (A Coruña)

Sutil, evocador e onírico á vez que enxeñoso e conciso, o máis recente do que se pode ollar nesta mostra elévase por si mesmo ao nivel da mellor ilustración contemporánea e contribuirá, sen dúbida, a mudar a perspectiva que podemos ter deste xeito de expresión artística.

Exposición de Xosé Cobas en Kiosco Alfonso (A Coruña)