Selección de cómics recomendados por Komic Librería para celebrar o Día do Libro 2016

Komic Librería: Libreros


Este vindeiro sábado 23 de abril celebramos, como é habitual, o Día do Libro. Durante toda a xornada -na que a nosa libraría permanecerá aberta tamén pola tarde- faremos o 10% de desconto en todas as vosas compras libreiras. Un momento ideal para poñer ao día as vosas bibliotecas ou facerse con ese título que tanto vos apetece. Por se queredes algunha idea aquí vos deixamos unha compilación de obras onde os libros ou @s libreir@s xogan un papel imprescindible.


Dende hai uns anos, e coincidindo co aniversario dos pasamentos de William Shakespeare e Miguel de Cervantes (dos cales se cumpren 400 anos neste 2016), celébrase o 23 de abril o Día do Libro, unha data moi especial para nós na que conmemoramos a existencia dun artefacto fascinante e fundamental que amamos e defendemos. Un obxecto sen o cal a cultura e a comunicación humana, é dicir, a nosa vida, serían totalmente distintas. Dende Komic Librería queremos achegar á nosa pequena homenaxe cunha selección de títulos nos que os propios libros ou a figura d@s libreir@s teñen un papel protagonista. Agardamos que sexa da vosa interese, feliz Día do Libro!


Komic Librería: El Decálogo

El decálogo
VV.AA.
Planeta

Un guionista e dez debuxantes, un por cada un dos capítulos que, xunto co crucial epílogo, conforman esta historia regresiva (comeza nos nosos días para remontarse ata a época de Mahoma) son os responsables desta exitosa serie.  Mestura diversos episodios históricos coa intriga que xira arredor do  Nahik, un misterioso libro que narra o achado en Exipto, por parte das tropas napoleónicas, dunha paleta de dromedario na que están escritos os dez mandamentos, pero supostamente pola man do propio Mahoma.


Komic Librería: La gente honrada

La gente honrada
Gibrat / Durieux
Norma

Neste fermoso relato sobre a posibilidade e a necesidade de reinventarse o oficio de libreiro xoga un papel fundamental, xa sexa como inspiración ou como futuro laboral para Philippe, o protagonista obrigado a comezar de novo tras ser despedido do seu traballo. Unha obra costumista, cunha sutil crítica social, que resulta ser unha lectura moi recomendable chea de esperanza.


Komic Librería: Pacífico

Pacífico
Trystram / Baudy
Planeta

A aparición dun libro prohibido a bordo dun submariño alemán durante a Segunda Guerra Mundial dá comezo a esta historia antibelicista chea de intriga cun aquel onírico e soñador presentada nun formato apaisado.


Komic Librería: Aama

Aama
Frederik Peeters
Astiberri

Nun futuro hipertecnolóxico cheo de implantes e modificacións xenéticas atopamos a Verloc, un libreiro que perde practicamente todo tras decidir vivir á marxe da tecnoloxía, ata que o seu irmán o leva ata outro planeta na procura dalgo descoñecido chamado Aama. Con esta serie de catro tomos, repleta de intriga e acción e que xa vos comentamos na nosa páxina, o suízo Peeters afonda na relación entre a humanidade, os avances tecnolóxicos e o que realmente importa.


Komic Librería: La ficción

La ficción
Curt Pires / David Rubín
Astiberri

Catro nenos atopan, no faiado da casa dun deles, unha caixa chea de estraños libros que, ao ser lidos en voz alta, transportan aos rapaces ata o interior das súas páxinas. Nunha destas viaxes ocorre unha tráxica desaparición que terán que afrontar os superviventes anos despois nesta obra que racha as fronteiras entre ficción e realidade e que tamén comentamos hai un tempo.


Komic Librería: Wimbledon Green

Winbledon Green
Seth
Sins Entido

Coa súa coidada edición e un magnífico debuxo Seth introdúcenos en distintos episodios da vida de Winbledon Green, o misterioso personaxe que é o maior coleccionista de cómics nun mundo onde a banda deseñada posúe a categoría de grande arte. Unha estupenda homenaxe á narración gráfica e tamén ao coleccionismo de libros e tebeos.


Komic Librería: En soledad

En soledad
Chabouté
Planeta

No caso deste imaxinativa historia recentemente editada un libro, máis concretamente un dicionario, comparte protagonismo co seu personaxe principal, un home que leva toda a vida a vivir nun faro situado nun illote no medio do mar e que racha o seu aillamento a través das definicións que aparecen nas páxinas do seu particular «compañeiro».


Komic Librería: Malas ventas

Malas ventas
Alex Robinson
Astiberri

Esta obra coral sobre un variado grupo de personaxes marcou un antes e un despois dentro do «costumismo» moderno, e quedou tamén como unha obra mítica para os libreiros e libreiras, xa que é o traballo de Sherman, un escritor frustrado que é un dos protagonistas e que nos conta divertidas e interesantes anécdotas sobre a súa experiencia libreira.


Komic Librería: Revienta, cerdo

Revienta, cerdo
Pascal Rabaté / Simon Hureau
Norma

Cun aire de traxicomedia negra atopamos aquí a crúa historia dun carniceiro desgarrado pola infidelidade da súa muller que procura na súa extensa colección de bd a idea que lle permita eliminar ao amante da súa parella. Podedes ler aquí máis información sobre esta interesante obra.


Komic Librería: Dossier negro

Dossier negro
Alan Moore / Kevin O´Neil
Planeta

A excelente saga de novelas gráficas creada polo tándem Moore/O´Neil e protagonizada polos personaxes das novelas de aventuras clásicas (aos que se irán incorporando diversos e abraiantes elementos da cultura popular) encontra aquí un dos seus episodios máis sorprendentes. Mina Murray e Allan Quatermain substraen nos anos 50 o Dossier Negro, un volume que contén numerosa documentación secreta sobre a Liga dos Homes Extraordinarios ao longo da súa historia.


Komic Librería: Astérix - O Papiro do César

E, para rematar esta listaxe, querémosvos falar de dous títulos rechamantes que tamén teñen que ver con estes marabillosos artefactos, malia non aparecer no primeiro deles, unha obra na que si aparecen os seus predecesores, uns devanceiros do libro que protagonizan a última aventura de Astérix e Obélix, O papiro do César, de Jean-Yves Ferri e Didier Conrad (Xerais/Salvat), unha divertida parodia dos procesos comunicativos humanos que, por suposto, tamén comentamos na nosa páxina.


E no segundo destes títulos, o derradeiro desta ducia, atopamos unha obra centrada nos libros e nos libreiros pero que curiosamente só existe en formato dixital. Falamos do webcomic Libreros (do que aquí vos deixamos algunha mostra), que dende o ano 2012 conta con moito humor diversas anécdotas que acontecen nunha ficticia libraría.

Libreros

Libreros

Libreros

Libreros