Titoán: a orixe dun gran proxecto dedicado a Castelao

Castelao. Titoán


Máis dun ano despois de impoñerse por unanimidade no Premio Castelao de Banda Deseñada 2011, o cómic Titoán ve a luz da man de Demo e a Deputación da Coruña, co apoio incondicional de Komic Librería.

Titoán, presentada o 10 de agosto de 2012 no salón Viñetas desde o Atlántico, supón unha nova entrega da Colección Castelao, o gran proxecto que os autores de O pobre tolo, Inacio e Iván Suárez, consagraron á vida de Castelao, coa intención de "entrar na vida real do personaxe, no seu carácter".

Castelao. Titoán

Para Miguelanxo Prado, Titoán supón "un achegamento adulto a un personaxe histórico como Castelao, a través dunha narrativa medida e axustada, sen efectismos" que evita "caer no didactismo ou na cita enciclopédica" e que, a unha minuciosa documentación e un coidado guión, suma unha gráfica "atractiva, coherente e eficaz, que funciona á perfección ao servizo do que conta".

A pesar da súa publicación posterior a O pobre tolo, coeditado por Komic Librería, Titoán céntrase nunha etapa cronoloxicamente anterior da vida de Castelao: a transición da xuventude á madurez, unha vez finalizados os seus estudos de medicina, e a partir da súa relación con Titoán, un veciño de Rianxo.

Castelao. Titoán

Como curiosidade, comentámosvos que, antes de participar no Premio Castelao de Banda Deseñada 2011, os autores nos presentaron Titoán en Komic Librería. Despois da súa lectura, a emoción que sentimos foi tal que, ao momento, nos decidimos a apostar polo financiamento e coedición de O pobre tolo.


Iván Suárez e Inacio en Komic Librería

Os autores

Iván Suárez (Santiago de Compostela, 1973): Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e cursou estudios de realización e produción na escola IDEAP de Barcelona. En 1996 recibiu un accésit no Certame Ourense de Banda Deseñada, e dous anos despois o 2º Premio no Concurso de Banda Deseñada Xuventude 98. Iván Suárez alternou o seu traballo como deseñador coa ilustración infantil e xuvenil; realizou así libros para Kalandraka e Oqo Editora (Co vento de cara ou Palabra de crocodilo). En 2008 comezou a formar parte do persoal de Oqo Editora e realizou á súa primeira incursión na animación. Ese mesmo ano publicou en Polaquia, con guión de Kike Benlloch, o álbum Rara avis. En 2011 Iván Suárez obtivo, con Inacio Vilariño, o Premio Castelao de Banda Deseñada por Titoán.

Inacio Vilariño (Lalín, 1974): Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Despois dunha década dedicado ao teatro, Inacio Vilariño comezou no 2003 a escribir e adaptar para a escena textos dramáticos, que representa coa compañía Fantoches Baj. En 2008 editou con Baía o libro ilustrado Tío Miseria. En 2009 e 2010 recibiu o Premio Barriga Verde de Textos para Monicreques, nas modalidades de adultos e infantil, polas obras Auga que non vas beber… e Fábula galénica. En 2011 obtivo, con Iván Suárez, o Premio Castelao de Banda Deseñada pola obra Titoán. Moi interesado pola cultura popular, é membro colaborador do instituto de Estudios de Literatura Tradicional da Universidade Nova de Lisboa.


Presentación de Titoán en Viñetas desde o Atlántico

Presentación de "Titoán" no salón Viñetas desde o Atlántico, o 10 de agosto de 2012. Na imaxe, de esquerda a dereita: Xosé Barreiro (Komic Librería), Manel Cráneo (Demo Editorial), Inacio (Guionista) e Iván Suárez (Debuxante).


Máis información:

Titoán gaña o premio de cómic Castelao
27/04/2011, La Opinión A Coruña

O cómic Titoán do dibuxante Iván Suárez e o guionista Inacio Vilariño, premio Castelao
28/04/2011, El Correo Gallego

Titoán, a experiencia autobiográfica de Castelao en viñetas
29/04/2011, El Mundo

Se o cómic falara
16/02/2012, El País

A voz de Castelao na banda deseñada, Titoán de Inacio Vilariño e Iván Suárez
11/06/2012, Compás da Costa

Castelao. Titoán
03/09/2012, Trafegando ronseis

Castelao BD
18/10/2012, Criticalia

Colección Castelao
08/11/2012, Diovivo

Presentación de Titoán en Viñetas desde o Atlántico 2012

Vídeo-resumo da presentación de Titoán en Viñetas desde o Atlántico 2012

Titoán en Viñetas desde o Atlántico

Titoán en Cultura Galega


Castelao. TitoánCastelao. Titoán
Inacio Vilariño / Iván Suárez

Demo / Deputación da Coruña
Tomos: 1