Castelao. O pobre tolo: Primeira iniciativa editorial de Komic Librería

Castelao. O pobre tolo


Tras o éxito de Titoán, gañador do Premio Castelao de Banda Deseñada 2011, Inacio Vilariño e Iván Suárez continúan con O pobre tolo o seu proxecto de levar a vida de Castelao ao cómic. O pobre tolo, froito da colaboración entre Komic Librería (con motivo do seu 25 aniversario) e Demo Editorial, achéganos a un momento crucial na vida do autor rianxeiro.

Corre o ano 1934, e Castelao é desterrado a Badaxoz por causa da súa actividade política. Naquela cidade sentirase como un estraño, pero a súa situación non lle impedirá coñecer a outros galegos que alí viven, nin somerxerse na situación política estremeña. Nas súas viaxes a Portugal, Castelao adquire un exemplar da obra O pobre tolo, de Teixeira de Pascoaes, que marcará esta etapa da súa vida, previa ao seu exilio tras a guerra civil e fundamental para entender moitas das súas ideas. 


Iván Suárez e Inacio Vilariño

Iván Suárez (esquerda) e Inacio Vilariño (dereita) na presentación de "Castelao. O pobre tolo" en Komic Librería (3/5/2012).

Foto de Alberto Ramos (praza.com)

Os autores

Iván Suárez (Santiago de Compostela, 1973): Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e cursou estudios de realización e produción na escola IDEAP de Barcelona. En 1996 recibiu un accésit no Certame Ourense de Banda Deseñada, e dous anos despois o 2º Premio no Concurso de Banda Deseñada Xuventude 98. Iván Suárez alternou o seu traballo como deseñador coa ilustración infantil e xuvenil; realizou así libros para Kalandraka e Oqo Editora (Co vento de cara ou Palabra de crocodilo). En 2008 comezou a formar parte do persoal de Oqo Editora e realizou á súa primeira incursión na animación. Ese mesmo ano publicou en Polaquia, con guión de Kike Benlloch, o álbum Rara avis. En 2011 Iván Suárez obtivo, con Inacio Vilariño, o Premio Castelao de Banda Deseñada por Titoán.

Inacio Vilariño (Lalín, 1974): Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Despois dunha década dedicado ao teatro, Inacio Vilariño comezou no 2003 a escribir e adaptar para a escena textos dramáticos, que representa coa compañía Fantoches Baj. En 2008 editou con Baía o libro ilustrado Tío Miseria. En 2009 e 2010 recibiu o Premio Barriga Verde de Textos para Monicreques, nas modalidades de adultos e infantil, polas obras Auga que non vas beber… e Fábula galénica. En 2011 obtivo, con Iván Suárez, o Premio Castelao de Banda Deseñada pola obra Titoán. Moi interesado pola cultura popular, é membro colaborador do instituto de Estudios de Literatura Tradicional da Universidade Nova de Lisboa.



Máis información:

Komic Librería coeditará con Demo unha serie de banda deseñada sobre Castelao
16/04/2012, Praza Pública

Komic Librería coedita Castelao. O pobre tolo
29/04/2012, ABC

A edición de O pobre tolo, prato forte da celebración do 25 Aniversario de Komic Librería
16/04/2012, El País

Se o cómic falara
16/02/2012, El País

Castelao revive en cómic
13/05/2012, La Opinión A Coruña

Castelao. O pobre tolo
06/07/2012, Trafegando ronseis

Un galego en Badaxoz
26/07/2012, Galicia Confidencial

Colección Castelao
08/11/2012, Diovivo

O pobre tolo en Cultura Galega


Castelao. O pobre toloCastelao. O pobre tolo
Inacio Vilariño / Iván Suárez

Demo Editorial / Komic Librería
Tomos: 1