O PASO DO NOROESTE, de Xabier Queipo e Primitivo Marcos (Galaxia): aventuras en mares descoñecidos.
Presentámosvos hoxe unha das novidades máis salientables da bd galega neste 2023, a adaptación gráfica de O paso do Noroeste, a coñecida novela de Xavier Queipo que acadou o premio García Barros aló polo 1996. O mesmo autor afronta a difícil tarefa de converter o seu texto orixinal nun guión de cómic e lévalo ás viñetas coa inestimable e talentosa colaboración de Primitivo Marcos no debuxo.
Este relato de aventuras navais, ambientado a finais do século XVIII, embárcanos nun buque francés, L'Épée, que zarpa do porto de Brest co propósito de procurar o paso do Noroeste, a ruta marítima que bordea Norteamérica polo norte, atravesando o océano Ártico e conectando deste xeito o Atlántico e o Pacífico. Este periplo científico agocha, trala súa apariencia de exploración xeográfica, outra misión que ten que ver coa disputa entre Francia e Gran Bretaña pola preponderancia colonial en América do Norte.
Navegamos, pois, xunto a unha tripulación comandada polo capitán Duchesnoy, o protagonista principal desta historia, e na cal tamén sobresae o naturalista e científico Mirabeau, un personaxe moi interesante, de ideas progresistas, que anuncia tamén o carácter crepuscular da obra, situada nun tempo marcado pola final abrupto do absolutismo e as fondas mudanzas que trouxo a Revolución Francesa.
Cun agradable arrecendo de relato clásico esta ficción histórica amósanos a chea de perigosas aventuras que van vivir os mariños de L'Épée nunha terra e nuns mares descoñecidos para eles, así como tamén os conflitos que poden xurdir a bordo e no contacto con outros pobos, encontros onde a actitude colonialista aparece representada con realismo e credibilidade e onde a férrea disciplina militar choca coa ética e a moral.
Dámoslle, xa que logo, unha calurosa “benvida” ao escritor e tradutor Xavier Queipo por se tratar do seu debut como guionista, malia non lle resultar alleo o mundo da banda deseñada (foi o responsable da tradución ao galego de Cidade de cristal , a magnífica obra de Karasik e Mazzuchelli sobre a novela de Paul Auster) e agradecemos enormemente o regreso de Primitivo Marcos, un excelente debuxante e ilustrador que aproba con nota no difícil traballo de plasmar todo o que este álbum nos conta. Primitivo, irmán do tamén ilustrador Ramón Marcos (algún día deberiamos estudar máis polo miúdo a cantidade de irmáns que temos no sistema comiqueiro galego: Norberto e Jacobo Fernández, Miguel e Anxo Cuba, Hugo e Sergio Covelo, Xosé e Ramón Trigo…), posúe un estilo clásico moi do noso gusto, polo que sempre é un pracer mergullarnos nas súas páxinas.
Anunciámosvos tamén que Xavier e Primitivo visitarán proximamente Komic Librería para presentar e asinar exemplares deste estupendo e moi recomendable relato de aventuras.