OS NOSOS CÓMICS INFANTÍS E XUVENÍS PREFERIDOS DE 2022

alt


Durante este pasado nadal compartimos convosco os nosos títulos preferidos dentro dos aparecidos en 2022, comezamos pola bd galega para continuar coas obras de procedencia estatal e internacional, pero quedaron pendentes de comentar as dirixidas cara o público infantil e xuvenil.  Con máis tardanza da que pensabamos pero finalmente aquí están.  E debemos recoñecer que non foi tarefa doada, xa que a colleita do pasado ano foi especialmente fructífera nas obras pensadas para a mocidade e para os primeiros lectores.

Foron moitas as coleccións que contan xa cun lugar ben sinalado na nosa librería e nos gustos do público destas idades e que viron aparecer novos números no pasado ano, series como El lobo en calzoncillos, Leñadoras, Gazafellos, Raowl, Avni, Imbatible, Las Hermanas Gremillet ou Los niños de la Resistencia son bos exemplos disto.  Pero, ao ser títulos xa coñecidos, preferimos falar hoxe de novas obras, entre as que escollemos media ducia en castelán e outra media en galego.  Unha vez máis vos lembramos que non están todos os que son –evidentemente hai moitísimos títulos recomendables que ficaron fóra desta selección- pero que os doce aquí reunidos ben merecen este lugar:

Unha vez máis debémosvos advertir que evidentemente hai moitísimos títulos recomendables que fican fóra desta selección, pero os doce que aquí vos deixamos ben merecen estar aquí:


altLA PEQUEÑA GENIA Y LA PARTIDA DE SHATRANJ

Álvaro Ortiz
Astiberri
+9

Neste divertido relato que bebe de obras míticas como As mil e unha noites Álvaro Ortiz amosa a súa versatilidade ao contarnos as aventuras dunha pequena xenia.



alt

DENSITY
Trondheim, Stan & Vince, Walter y Julia Pinchuk
Nuevo Nueve
+12

Unha emocionante e entretidísima triloxía onde unha rapaza terá que asumir as súas novas habilidades sobrehumanas para defender á Terra duns perigosos invasores.


alt

LAS AVENTURAS DE DON LADYBUG
Corey R. Tabor
Astronave
+7

A través de animais humanizados vannos chegar as divertidas andainas de Don Ladybug, unha xoaniña chea de afouteza e bo corazón.


alt

SÁBANAS
Brenna Thummler
La Cúpula/Brúfalo
+1

Cunha delicadeza excepcional a autora estadounidense presenta esta reflexión sobre o dó ante a perda, a importancia da autoestima e as segundas oportunidades que a vida nos pode conceder. 


altLA CHICA DEL MAR

Molly Knox Ostertag
Astronave
+12

Unha fermosa historia de amor protagonizada por unha moza de 15 anos que rompe cos estereotipos e clixés do xénero.



altPERDIDOS EN EL FUTURO

Álex Fuentes y Damián
Astiberri
+10

Un relato cheo de sorpresas protagonizado por un grupo de rapaces e rapazas que son transportados a outros tempos e terán que vivir unha chea de peripecias para regresar á súa época.



alt

CAPITÁN LENTELLA
Jorge Campos
Xerais
+7

O autor de Ourense regresa cunha divertida aventura protagonizada por un par de viaxeiros espaciais e especiais que irán na procura da sua orixe.


alt

SÚPER PATACA, ENREDO CÓSMICO
Artur Laperla
Bang/Mamut
+6

O noso tubérculo superheroe preferido regresa cunha nova colección onde terá que facer fronte a vellos inimigos na súa aventura máis crucial.


alt

CÓSMICO, O BOMBEIRO GALÁCTICO
Fon Barreiro
Xerais
+7

Nunha terra como a nosa, tristemente afeita a ter que loitar contra o lume ano si e ano tamén a chegada dun bombeiro extraterrestre pode marcar a diferenza nunha aventura perfecta para as primeiras lectoras e lectores.


alt

ROXÍN ROXAL, A DAGA DO CONDE
Manel Cráneo y Brais Fierro
Demo
+9

Con gran tino tanto a nivel narrativo como gráfico Manel e Brais adaptan con grande éxito unha lenda medieval ben coñecida por terras do Eume.


alt

NIKA, LOTTE, MANGOLD!
Thomas Wellmann
O Papagaio
+9

Co seu persoal e dinámico estilo o historietista alemán presenta as fantásticas aventuras de tres amigas que viven nunha aburrida vila.



alt

OS ESCACHAPEDRAS
Marilar Aleixandre y Fran Bueno
Demo
+7

A recuperación dun clásico de comezos de século, cando as aventuras de tres nenos e o seu gato aparecían na lembrada publicación Golfiño.