La Cúpula e Komic Librería: veteranía underground moi ben levada...

35 Aniversario de Ediciones La Cúpula


A finais de 1979 a sociedade española aínda estaba a se afacer á sensación de liberdade que conlevaba a fin do rexime franquista. Un futuro incerto pero esperanzador abríase tras a longa noite de pedra. E foi neste intre que apareceu unha revista mensual de cómix para superviventes chamada El Víbora (imposible esquecer a tremenda portada de Nazario no seu primeiro número) que revolucionou por completo o panorama comiqueiro estatal. Procedente dunha efervescente Barcelona e capitaneada polo finado e lembrado Josep María Berenguer, esta publicación significou ademais o nacemento dunha editorial, La Cúpula, que achegou a banda deseñada underground (e moito máis) a un público lector que practicamente descoñecía o xénero.

35 Aniversario de Ediciones La Cúpula

Vintecinco anos despois El Víbora saía por derradeira vez á rúa, o que supuxo un duro revés para o futuro da editorial. Pero, nun alarde de autoinvención que merece as nosas gabanzas, souberon readaptarse aos novos tempos mantendo un altísimo nivel nas súas edicións, proseguindo a súa aposta pola canteira nacional e descubrindo novos valores estranxeiros.

35 Aniversario de Ediciones La Cúpula

Non é de estrañar, pois, que cando en 1987 Ana e Pio abriron Komic Librería co descaro da súa mocidade coincidiran e empataran rapidamente co espírito irreverente, fresco e libre de La Cúpula, comezando así unha relación simbiótica que dura ata o día de hoxe. Ademais de recomendar e vender os títulos da editora catalana na librería, a través de Bd Distribucións distribuiron a nivel galego durante moitos anos estas publicacións e dende a primeira edición, en 1998, de Viñetas desde o Atlántico, Komic Librería foi a responsable do posto de La Cúpula no festival coruñés.

35 Aniversario de Ediciones La Cúpula

Recentemente celebramos o 28º aniversario da nosa librería, e queremos tamén festexar os 35 anos dunha editora que sempre nos acompañou como se merece, polo que lle adicaremos toda esta semana na nosa páxina web. Comezamos este luns co noso comentario sobre Chapuzas de amor, a nova obra mestra de Jaime Hernández, e seguiremos con diversos artigos relacionados que agardamos vos resulten interesantes.

Parabéns, La Cúpula: agardamos seguir a celebrar aniversarios convosco, noraboa!